O anterior artigo explicaba como, nun documento de texto ou nunha presentación, podiamos modificar unha imaxe para facer que os bordes fosen transparentes. Isto é moi útil para manexar imaxes dentro do propio programa (Writer, Impress, Word ou PPoint). Pero o problema vén cando necesitamos que esa imaxe sexa transparente fóra deses programas, é dicir, cando pretendemos gardar esa imaxe cos bordos transparentes. Pois ben, aquí tendes unha posible solución. Descargade este programa de balde premendo aquí (GIMP) e botádelle un ollo ao titorial premendo na imaxe de enriba.
Edublog do CEIP E. Pardo Bazán da Coruña. Un eHow da incidencias TIC que nos imos atopando.
11/04/13
05/04/13
COMO DEFINIR A TRANSPARENCIA DUNHA IMAXE?
Ás veces, cando estamos a utilizar unha imaxe, atopámonos cun problema estético. Ao pegar a imaxe cuxos bordos son dunha cor (branco, por exemplo), estes destacan sobre un fondo cunha cor diferente (azul, verde, amarelo...). O resultado é unha imaxe cadrada ou rectangular na que destaca máis o marco ca o obxecto que representa, tal e como aparece na imaxe esquerda de enriba.
Pois ben, hai unha forma de evitar isto a través de Libre Office ou OpenOffice Draw. Botádelle unha ollada a este titorial ou premede na imaxe para consultalo. A calidade do resultado vai depender do perfilados que estean os bordos. Se o queredes facer con Microsoft Office premede aquí.
26/01/13
OS NÚMEROS DE PÁXINA NO LIBRE OFFICE
O outro día atopeime cun pequeno problema ao manexar o Libre Office Writer. Explícovos: tiña un documento de varias páxinas onde a primeira era a portada. Pois ben, ao inserir o número de páxina despois da portada evidentemente aparecía o número 2. Mais, eu quería que esa fose a primeira páxina do meu documento, porque a primeira era unha portada. Estiven a darlle voltas e voltas, pero nada. Non fun quen. Así que botei man da web e busquei un titorial que hoxe colgo aquí. Premede na imaxe e levaravos a el.
03/12/12
COMO SUBIR UNHA IMAXE AO BLOG DE VOZ NATURA (WORDPRESS)?
O blog de Voz Natura do colexio está en proceso de elaboración. A súa construción vai supoñer subir unha chea de imaxes que se están a facer neste programa. Pois ben, o problema xurdiu perante a necesidade de colgar, en primeiro lugar, unha foto e, en segundo, varias, é dicir, unha galería. Ao primeiro problema trata de responder o vídeo de enriba. A segunda será contestada nun vindeiro artigo.
01/11/12
COMO ENLENTECER UNHA CANCIÓN?
Como facer iso? De seguido veredes o proceso a seguir cando nos atopamos con este atranco. Ben premendo aquí para ver o proceso en versión HTML ou vendo o vídeo de máis arriba.
30/10/12
UNHA CHEA DE RECURSOS EN GALEGO
Premede na imaxe para poder acceder a un espazo dedicado á recolleita de recursos en galego: dicionarios, tradutores, manuais... Gozádeo!
02/05/12
RECURSOS PARA O GALEGO
O profesorado galego dispón dun amplo abano de recursos interactivos para traballar nas aulas. Entre eles queremos resaltar aquí o seguinte: ENGALEGO
Trátase dunha páxina onde aparecen publicadas infinidade de materiais creados polo profesorado galego participante en actividades de formación durante os anos 2011 e 2012. Fundamentalmente son actividades LIM e do Proxecto XOGAMOS.
18/10/11
O NOSO CENTRO EN ABALAR
O noso centro foi seleccionado como novo centro Abalar. Isto supón un avance significativo na entrada nas aulas das TIC. O equipamento co que contarán ás tres aulas de 5º curso de educación primaria pode verse na imaxe da esquerda.
20/05/11
WIKI NO COLEXIO S. FRANCISCO DE PAMPLONA
Interesante traballo publicado na Wiki do colexio San Francisco en Pamplona, que engloba as familias, alumnos/as e profesores, co obxetivo de que os nenos/as realicen unha navegación segura; iniciativa promovida polo equipo Integra TIC do centro, coordinado por Vitori López Martiarena.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)


.jpg)

